Diante da vergoña que supón o proceso legal imposto ao xuíz Garzón por ter a coraxe de ter a iniciativa de investigar os crimes do franquismo – lembremos, máis de 115.000 desaparecidos en todo o estado español, que o convirten en ter o triste record de ser o segundo país do mundo con máis persoas desaparecidas, únicamente detrás de Camboia-, os demócratas, as vítimas do franquismo, xs defensores da libertade e do estado de Dereito non podemos aceptar con indiferenza a posibilidade da súa condea, que suporía un golpe irreparable, un enorme atraso na consolidación da nosa democracia e unha ameaza para os dereitos humanos .
Numerosos xuristas de todo o mundo están estes días a manifestar o ridículo que o Tribunal Supremo está facendo, cando xulga a unha persoa que o único que fixo foi defender os dereitos das vítimas do xenocidio que supuxo o réxime franquista, como así foi declarado –como un estado xenocida- pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, no ano 1946 . Daquela, na Coruña non podemos quedar parados ante tanta inxustiza que se está a cometer xulgando, non só ao un xuíz que fixo o seu traballo, se non a toda unha sociedade que o único que quere é que se recoñeza a Verdade, que se imparta Xustiza e que se faga a Reparación pertinente dos danos causados ás vítimas do franquismo e ás súas familias . Ninguén quere revancha, todxs queremos Xustiza .
Por iso, as organizacións e persoas individuais que conforman a “Plataforma Galicia con Garzón”, queremos avisarte de que o próximo xoves día 9 de febreiro, a partir das 20’00 horas, na Cafetaría Copacabana (en fronte do Obelisco) na Coruña, teremos unha xuntanza, en réxime de autoconvocatoria, para ver qué medidas de solidariedade co xuíz Garzón e coas vítimas do franquismo que están a xulgar, podemos tomar na nosa cidade . Será unha xuntanza aberta, co único requisito de ter intención de participar en calquera iniciativa que levemos a cabo .
Agradeceríavos que, se o tedes a ben, difundirades este aviso da devandita xuntanza a quen vexas, pois canto máis sexamos, máis forte e valiosas poden ser as mobilizacións que fagamos .
Agardando a vosa presencia, recibide un cordial saúdo .
Rubén Afonso Lobato, secretario da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (organización integrada na “Plataforma Galicia con Garzón”)
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Los comentarios que contengan insultos o falten al respeto debido a cualquier persona o institución, no serán publicados.