abaixo o goberno do pau e a tesoira!
Desde o inicio da crise, nós, as mulleres da clase traballadora, seguimos soportando cada vez con máis intensidade os golpes secos da política de recortes económicos e sociais do goberno de Rajoy, cuxo principal baluarte é a UE e a Troika.

Para manter os beneficios deste inxusto sistema e os seus corruptos gobernos, comezaron recortandonos dereitos laborais para pagar unha débeda que crearan eles mesmos e manter ao capital financeiro, único beneficiario deste roubo a man armada á poboación traballadora. Á reforma laboral, os EREs, e ERTEs, acompañáronlle os axustes na educación, na sanidade, a lei de dependencia,.. Cunha man na tesoira e coa outra asinando a privatización dos servizos públicos. Este foi, e segue sendo, o plan de “rescate” á banca e as multinacionais, imposto desde a Unión Europea e executado polo goberno de Rajoy, cuxo resultado foi desemprego e miseria.
O goberno dos recortes e a represión tamén nos quere sumisas
Pero isto só foi o principio no que respecta ás medidas de axuste contra as mulleres da clase traballadora. Porque para garantir a continuidade do saqueo ás nosas condicións sociais e económicas, os gobernos deste sistema decadente necesitan aplicar á vez recortes nas liberdades. E iso é o que fixo o goberno de Rajoy.
Comezou coa Lei Mordaza para silenciar a protesta social e continuar aplicando os plans de guerra contra a poboación traballadora. E agora, con Gallardón á cabeza e apoiado pola igrexa católica, está a seguir coa reforma da Lei de Aborto. Un proxecto de lei que arremete contra a liberdade das mulleres a decidir sobre as súas vidas e os seus corpos, eliminando un dereito democrático conseguido tras moitos anos de loita. O goberno dos recortes e da represión, o que só goberna para os banqueiros e as multinacionais, o lacaio da UE e a Troika, tamén nos quere sumisas.
Por iso, este 8 de Marzo, Día Internacional das mulleres traballadoras, sóbrannos razóns para mobilizarnos. Sóbrannos razóns para dicir basta! Debemos continuar a nosa pelexa iniciada coas mobilizacións que en febreiro protagonizamos miles de persoas en todo o estado, para reivindicar o noso dereito ao aborto libre e gratuíto. É preciso que continuemos a nosa loita até botar abaixo esta lei. E sobre todo porque á tesoira e ao pau só hai un modo de combatelo, e ese é na rúa! Coa unidade de toda a clase obreira e de todos os sectores que están en loita!
Este 8 de Marzo saímos á rúa para esixir:
Aborto libre, gratuíto e sen obxección de conciencia na Seguridade Social!
Fora a lei Gallardón!
Educación sexual para previr, anticonceptivos para non abortar e aborto legal para non morrer!
Fora a lei Wert e a relixión das aulas!
Non máis subvencións á igrexa católica!
Non máis violencia contra as mulleres!
Recursos e medios suficientes para as mulleres agredidas!
A igual traballo, igual salario!
Paralización inmediata e derrogación dos decretos de recortes e privatización.
Restitución dos dereitos arrebatados e retorno ao Estado dos servizos públicos privatizados.
Nin EREs nin ERTEs!
Derrogación da reforma laboral.
Suspensión inmediata do pago da Débeda aos banqueiros e auditoría pública.
Non máis desafiuzamentos, dación en pago e aluguer social.
Vivenda para as e os sen teito!
Por un parque público de aluguer social.
Estatalización sen indemnización do sistema financeiro, para pór o crédito e a riqueza social baixo control e ao servizo da maioría.
Non ao pago da Débeda. Non á UE nin ao euro.
E O 22M TODAS E TODOS A MADRID!
A nosa única saída é a unidade para loitar. As Marchas da Dignidade convocadas para o próximo 22 de marzo son outra gran oportunidade para dar impulso ao combate contra a Lei Gallardón, o paro, unificar as loitas actuais (Pan Rico, Coca-Cola, UPS, Parados, desafiuzamentos...) e organizar a pelexa para tirar ao goberno Rajoy coa Folga Xeral. Non podemos nin debemos esperar até o 2015. Corrente Vermella participaremos co sindicalismo alternativo reivindicando a necesidade de botar abaixo ao Goberno e a Troika, repartir o traballo, suspender o pago da Débeda pública aos banqueiros, romper coa UE e traballar para organizar a Folga Xeral con eses obxectivos.
Publicado por : CORRENTE VERMELLA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Los comentarios que contengan insultos o falten al respeto debido a cualquier persona o institución, no serán publicados.